mércores, 27 de maio de 2020

UNIVERSO

ESTELAR, LUNAR E SOLAR!!!

Era unha noite fría de inverno cando Icía decidiu saír da súa zona de confort para poder desfrutar do mundo exterior  que a estaba agardando coa súa música descompasada nun fío de partículas queimadas do noso desexo vital. 

Esa noite fría de inverno caeu con toda a súa inmensa frialdade sobre o meu corpo e con toda a súa escuridade sobre a miña mente. Sentín e pensei ou pensei e sentín que xa nunca sería capaz de ver a luz que iluminaría o noso camiño vital.

Estaba conxelada pola frialdade e cega pola escuridade pero pouquiño a pouquiño percateime de que acababa de chegar a miña vida unha fermosa estrela que iluminou, ilumina e iluminará o meu camiño para ser capaz de prolongar cada fugaz momento vital.




A Estrela Icía coa súa potente luz agarimosamente musical creou unha espiral centrífuga que compuxo un fermoso principio de atracción coa Lúa Awel e co Sol Ruí e @s tres debuxaron un magnífico círculo que ilumina o noso Universo diverso e musical en cada presente fugaz vivido.




... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

domingo, 3 de maio de 2020

TRES

BAILANDO AO MESMO COMPÁS!!!

Ser mamá dunha pequeniña con "divercapacidade" ten unha boa dose de complexidade porque a vida xira a moitísima máis velocidade da que Icía poderá viaxar nunca na súa aventura vital e o mesmo tempo ten unha preciosa dose de sinxeleza porque a súa vida circula polo camiño da música que brota do seu lindo corazón centrándose no valioso tesouro do agarimo.

O camiño musical co seu fascinante e inmenso poder levounos a coñecer a dúas grandísimas mamás e as súas fermosas familias con "divercapacidade" e o que para nós era unha peza musical bailada en solitario converteuse nunha marabillosas obra mestra bailada a tres bandas ao compás da música sempre sanadora.

A nosa aventura vital compartida con tan lindas familias inclusivas e musicais comezou a cobrar un novo e inmenso impulso vital que nos levou a vivir unhas aventuras inimaxinables no noso anterior baile en solitario.

Chus e Ugia, sempre agradecidas por cada unha das pezas musicais bailadas convosco e coas vosas familias ao compás dun ritmo binario, ternario ou cuaternario... A bailar!!!


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power