CECI & AVENTUREIR@S 2020-2021

01. COMEZAMOS A NOSA AVENTURA VIRTUAL!!!
26-04-2020

Hoxe é un gran día porque despois de moitísimos días na casiña debido a o "mal bichiño" ides poder saír ao mundo exterior para ver a "Mr Sun".

É moi posible que teñades algo de medo ante todo isto que estades a vivir. Non pasa nada porque o medo é unha emoción que na súa xusta medida nos mantén alerta e nos permite sobrevivir.

Ademais, por sorte, sempre temos e teremos a música que nos axuda a manternos animad@s. Nunca deixes de cantar, tocar e bailar para manter o voso ánimo moi forte.

Quero facervos este agasallo musical para que cantedes, toquedes e bailedes esta canción porque aínda que vexades nuboeiros, no ceo sempre vai brillar o sol.
Por outra banda, penso que este "mal bichiño" que nos acompaña quere que aprendamos a bailar ao ritmo do noso planeta. 

Debemos facer un grandísimo esforzo colectivo entre tod@s @s habitantes do planeta para coidala moitísimo máis do que o estabamos facendo ata o de agora.

Así que imos cantar, tocar e bailar esta canción para que A Terra non teña ningunha dúbida de que imos a conectarnos outra vez o mundo.
E para despedirnos imos a cantar, tocar e sobre todo bailar esta canción porque hoxe ides poder tocar o ceo, rozar as estrelas coa punta dos dedos e voar co vento... así que imos a divertirnos porque tod@s xuntiñ@s imos a conseguir superar a este "mal bichiño".
A inauguración desta sección do blog quero dedicarlla ao meu lindísimo alumnado ao que boto moitísimo de menos, ao equipo directivo e ao profesorado do cole polos seus esforzos educativos contra vento e marea, á profe Isa por animarme incansablemente co seu fresco vento a favor para dar o paso de facer realidade este blog que tanto tempiño levaba na miña cabeciña adormecido e a Yolanda, unha lindísima amiga que me guiou co súa sabedoría tecnolóxica para poder plasmar a miña idea real de blog no mundo virtual.

Aventureir@s musicais vémonos na próxima aventura!!!
Ceci Music
________________________________________________

02. QUE APRENDEREMOS!?
02-05-2020

Tras moitísimos días na casiña polo "mal bichiño", hoxe é outro día sinalado no noso calendario porque todo o mundo poderemos saír a respirar un pouquiño de aire fresco e a disfrutar da luz natural que boa faltiña nos van facendo para recargar as nosas esgotadas reservas de enerxía persoal.

Durante todo este tempiño nas nosas casiñas tivemos moito tempiño para pensar e oxalá para aprender porque quizais este "mal bichiño" veu para lembrarnos que estamos indo por mal camiño na nosa andaina na Terra e que sería unha boa idea que viraramos e reviraramos o noso rumbo para poder voltar a vivir en harmonía co noso fermoso planeta e co seu precioso equilibrio natural.

Así que unha boa opción sería ter unha pequeniña horta para comer ben sano e natural e non contaminar o noso planeta con plásticos e envases que tanto dano lle están a facer ao noso planeta e a todos os seus moradores.

Anímaste a plantar unha hortiña mestras cantamos esta fermosa canción composta pola  lindísima Chus de María Fumaça!? 
Outra boa idea sería que as nosas compras as fixeramos no comercio local porque así estariamos axudando aos nos@s veciñ@s, ademais os produtos serían dunha maior calidade e a contaminación sería moitísimo menor porque os productos nos terían que viaxar tan xigantescas distancias como están a facer na actualidade.

Anímaste a comprar no mercado local porque ademais é moito máis divertido xa que podes botar un contiño ou cantar unha simpática canción!?
Aínda estamos a tempo de subirnos ao "Veleiro verde" e entre todos navegar nun futuro máis diverso, natural e musical.

Así que mariñeir@s imos a remar tod@s ao son e o ritmo desta canción composta pola fermosa Uxía de María Fumaça porque a Terra nos está dando un aviso pero tamén unha oportunidade para vivir en harmonía musical con ela.
E se conseguimos virar e revirar o noso rumbo no planeta poderemos viaxar co noso amigo Ruí ao inmenso mar e disfrutar do fermosísimo canto das baleas.
Ceci Music
________________________________________________

03. XUNTIÑ@S
10-05-2020

Tod@s xuntiñ@s temos unha oportunidade de crear un novo proxecto vital no noso lindo planeta.
Así que imos a abrir ben os ollos e poñernos en marcha cada mañá para non perder a nosa oportunidade de coidar a nosa casiña planetaria e a tod@s os seus moradores.
Porque realmente temos un mundo xenial e debemos compartilo e coidalo. Así que tod@s xuntiñ@s debemos restablecer o seu equilibrio natural onde todo ten a súa marabillosa razón de ser.
Non debemos buscar escusas e debemos buscar o mellor camiño para viaxar e non deixar pasar de longo o tren da nosa felicidade e das futuras xeracións. Agora é o momento.
Porque formamos un gran equipo que pensando e actuando xuntiñ@s podemos acadar o noso soño dun mundo mellor.
Así que imos a non enfadarnos polo que está pasando e imos a sonreír con todas as nosas forzas para esquecer a tristeza do "mal bichiño" e conseguir un sol que brille e nos ilumine no noso fermoso e fascinante planeta.
E para celebrar que tod@s xuntiñ@s podemos conseguilo imos a bailar para animarnos e poñernos mans á obra.
Ceci Music
________________________________________________

04. BRAVAS BRAVÍSIMAS
17-05-2020

O Día das Letras Galegas imos a dedicarllo a cinco BRAVAS BRAVÍSIMAS mulleres que cantan a Galicia en cada melodía emitida polas súas lindísimas voces e coa súa fermosa harmonía crean unha xigantesca composición dun mundo mellor.

Imos comezar por UXÍA SENLLE que ten na súa voz un eterno sonriso e unha tenra amabilidade que consegue coa súa impresionante familia musical trasladarte a un fermoso estado de calma vital.
A miña fermosa CHUS SENLLE que co seu agarimo agarimoso en cada unha das súas admirables accións pola visibilidade da "Divercapacidade" provoca unha onda de reaccións que van virando ao mundo nun lugar cheíño de diversidade vital e musical.
A miña querida UGIA PEDREIRA que coa inmensa forza do seu vento do Nordés move e remove dende a máis pequeniña das gotiñas ata o máis grandioso océano deste planeta ferido que tanto necesita da súa vital e musical visión.
Agora imos desfrutar da música da fermosísima GUADI GALEGO que se inventou e reinventou para ir crecendo dun magnífico xeitiño coma unha grandísima artista que debuxa fermosísimos lenzos de cores musicais. 
E non podemos despedirnos o día de hoxe sen cantar en galego coa voz potente e reivindicativa de SÉS que en cada nota loita incansablemente porque a música e a cultura galega ocupe o lugar que se merece que é no máis alto do mundo mundial.
Ceci Music
________________________________________________

05. PROBA SUPERADA!!!
30-06-2020

A verdade é que este ano académico non foi doado nin para o alumnado, nin para as familias nin para o profesorado debido a un mal bichiño que nos fixo a tod@s ter que reinventarnos nos nosos roles para poder seguir adiante coa educación das novas xeracións de habitantes deste esgotado planeta.

Eu penso que dalgún xeito aos "maiores" toda esta insólita situación nos deu a oportunidade de parar a nosa estrepitosa velocidade e nos permitiu dispoñer dun tempo de quietude para así volver a revivir e vivir a marabillosa sensación de ser "bambin@s" coa fantástica  compañía  dos nos@s fill@s que o lembrarán sempre con infinito agarimo.
Tod@s puxemos o noso granciño de area para conseguir que o cole virtual funcionara e por todo o inmenso esforzo realizado nos merecemos pasar a unha potente acción vacacional na que seguiremos soñando despert@s cun mundo mellor para "tutti".
O meu humilde e agarimoso consello é que este verán desfrutedes a tope de cada minúsculo detalle desta vida en familia e en "petit comité" porque a vida, penso eu,  consiste en saber vivir cada momento intensamente coa xentiña que queremos e coa que nos gusta pasar cada intre posible na súa toliña compañía.
Bo verán para o meu querido alumnado, para as súas loitadoras familias e para o profesorado que traballo sen descanso!!!

Xuntiñ@s podemos con todo!!!
Ceci Music
________________________________________________

06. BAILEMOS AO COMPÁS ESCOLAR E VITAL!!!
09-09-2020

Atrás quedou o inicio desta situación insólita que estamos a vivir que nos levou a ter que bailar soíñ@s no noso interior cun delgado fío de luz solar e cun mínimo refacho de aire ventoso para  ser capaces de espertar do noso ritmo destrutor, respirar profundamente e poder seguir cantando e bailando por un mundo mellor en cada nota vital.
Ese baile acompasado co noso interior en solitario ou ben coa persoa que nos axuda a sosternos e que conxuntamente os nosos interiores se equilibran e nos permitiron buscar esa volta a natureza que tanta faltiña nos facía e que tanta faltiña lle fai ao noso esgotado planeta para vivir nunha fermosa harmonía vital.
A posibilidade de poder bailar de mil xeitos diferentes coa nosa linda xentiña en "petit comité" foi unha fortalecedora vivencia vital que nos lembrou que o realmente importante na nosa senda é vivir intensamente cada unha das nosas aventuras vitais coa xentiña que queremos e que queren bailar con nós ao compás vital.
Mañá, por fin,  tod@s volveremos a bailar, no noso colexio e nas nosas aulas, cheíños de desacougos e cunha chea de cousiñas a cumprir para protexernos mutuamente pero entre o profesorado, o alumnado e as familias seremos capaces de interpretar a nosa música escolar e vital.
Que ganiñas de volver a bailar con tod@s vós e de que volvades a ser a miña chispeante inspiración para ser mellor mestra e mellor persoa!!!
Bailamos!?
Ceci Music
________________________________________________

07. NO NOSO COLE IMOS ESTAR BEN!!!
14-09-2020

Non son unha gran compositora nin unha magnífica intérprete e dende o nacemento de Icía non me dá a vida para tocar en serio a miña guitarriña pero no inicio deste insólito ano académico o profesorado tivemos varias reunións para tomar conciencia de todas as pautas e normas que tiñamos que ter en conta para a boa marcha escolar na época Covid.

Eu, inevitablemente, me puxen a pensar no meu alumnado e como estarían as súas emocións ante este cole tan diferente ao que deixaron en marzo e como serían capaces de xestionar tal cantidade de pautas e normas sen perder a súa magnífica ilusión infantil.

E pensando, pensando e repensando comezaron a saírme as normas e as pautas rimadas ao compás e tiven o irresistible impulso musical de coller a miña esquecida guitarriña para xogar coa música e crear unha cancionciña para que o meu alumnado a escoite e a cante na súa casiña coa súa linda xentiña familiar.
Sempre agradecida pola axuda tecnolóxica que me brinda a miña linda e musical amiga Yolanda!!!
Cantamos!?
Ceci Music
________________________________________________

08. CAEN CHUZOS DE PUNTA!!!
20-09-2020

Neste ano académico van caer chuzos de punta no noso cole e tanto o profesorado como o alumnado e as súas familias teremos que estar preparad@s para vivir e xestionar miles de situacións diversas e quizais na súa maioría adversas e buscar o xeito de poder capear miles e miles de gotas que nos mollarán e que poñerán a proba a nosa capacidade de superación educativa.
Neste ano académico van caer chuzos de punta no noso cole e tanto o profesorado como o alumnado e as súas familias teremos que lembrar con todas as nosas forzas vitais que detrás de cada escuro nubeiros e detrás de cada unha das gota de auga que caerán, sempre se atopa o xigantesco sol e a súa impresionante enerxía para guiarnos no noso camiño educativo.
Xuntiñ@s poderemos desfrutar do sol!!!
Ceci Music
________________________________________________

09. BRUTAL MUNDO ACTUAL!!!
20-10-2020

Parece que fai unha eternidade na que @s cativ@s estabamos en constante e natural contacto coa natureza e podiamos xogar durante horas e horas nas rúas coa nosa tropa de amig@s a xogos ben saudables, rítmicos e divertidos que nos facían crecer física e emocionalmente a nosa madurez.
En que xeración se nos escapou este estilo de vida saudable e enriquecedor!?. Supoño que foi algo que aconteceu pouquiño a pouquiño e que nos foi enredando a todo enredar nunha vida totalmente artificial e virtual ata chegar a vosa infancia na que estades durante demasiado tempo embotellad@s diante do televisor, do ordenador, da consola e do móbil, é dicir, diante dos meus temidos rectángulos virtuais.
E as persoas adultas non estamos menos libres de tan temible embotellamento cos malditos rectángulos virtuais, xa que pasamos demasiado tempo diante deles por motivos de traballo e tamén como modo de rara diversión porque as enganosas aplicacións nos ocupan máis tempo do que realmente somos conscientes e as adictas redes sociais nos fan sentir que temos moitísimos máis amig@s e seguidores dos que en realidade temos na vida real.
Todo este brutal mundo actual nos está separando da nosa realidad vital e natural e nos está a provocar grandes danos persoais dos que nin sequera somos moi conscientes. Ademais este ritmo de vida está esgotando o noso fermoso planeta porque saqueando a un paso desenfreado os seus recursos e o estamos enchendo dunhas cantidades inmensísimas de lixo que van provocar que cada vez sexa máis difícil a vida na nosa Terra.
Penso eu que o momento vital que estamos a vivir,  no que todo parece estar roto en mil anacos, estanos ofrecendo unha mínima oportunidade de pararnos por un momento a reflexionar sobre que rumbo queremos tomar nas nosas vidas e nas das futuras xeracións para poder desfrutar dunha vida realmente en consonancia e en harmonía co noso fermoso planeta que como xa nos demostrou ten unha grandísima capacidade de rexeneración.
Anímaste a cambiar o rumbo!?
Ceci Music
________________________________________________

10. XA NON QUERO SER MAIOR!!!
08-11-2020

Cando somos cativ@s temos unha gran necesidade de que o tempo transcorra o máis rápido posible para facernos maiores pero o que ninguén te conta é que ao ir facendo o camiño vital aos pés lles doen moito moitísimo as espiñas porque isto de vivir é unha eterna despedida.
Ese camiño vital se vai dificultando co transcorrer precipitadamente rápido ou inmensamente lento do tempo e en máis dunha ocasión aparece o "meu eu c....." que son eu mesma pero moitísimo máis cruel comigo mesma e todo comeza a xirar nunha tonalidade en modo menor que dificulta cada paso a dar.
Nese momento comeza a loita entre a miña visión negativa da realidade e o meu pensamento optimista da vida porque sei que soamente teño un corazón que aínda que é moi vulnerable ante tanta inmensidade necesita que sexa eu mesma a que o regue cos meus anhelos e soños para non morrer de pena nun negro, solitario, frío e triste recuncho.
Así que unha é outra vez me invento e me reinvento cun novo camiño vital por andar que me axude a quitarme a presión de quen non é capaz de seguir o meu/noso paso de caracol e onde poder facer camiño coas miñas queridas persoas lentas que camiñan sen máis finalidade que a tan prezada felicidade.
Anímaste a camiñar lentamente comigo!?
Ceci Music
________________________________________________

11. A MÚSICA MOVE E REMOVE!!!
22-11-2020

A miña vida vai transcorrendo e segundo me vou facendo maior son cada vez máis as preguntas sen resolver das dúbidas que me asaltan sobre a dualidade do latexo vital.
A vida co seu vaivén faime sentir un pouco ignorante do ben e do mal no noso paraíso perdido pero coa necesidade de atopar ese ritmo danzarín que me permite volver a situarme no meu verdadeiro sentido vital.
Nun mundo cada vez máis complexo e voraz vou necesitando unha maior dose de quietude, calma e desconexión dunha avaricia e velocidade estrepitosamente destrutiva e a música escoitada consegue mover e remover a miña alma vital.
Eu canto o que non comprendo!!!
Ti queres cantar comigo!?
Ceci Music
________________________________________________

12. MOMENTOS E MEMORIAS!!!
01-12-2020

Agora máis que nunca necesitamos volver a familia e as amizades que sempre nos coñecen porque son o noso fogar no mundo mundial xa que a velocidade da sociedade actual nos está desgastando e descompasando.
Estamos caendo e necesitamos un lugar seguro onde quedarnos xuntiñ@s ao carón do lume ata o inicio dun novo amencer para a humanidade e para o planeta.
O tempo non espera e se desvanece con moitísima rapidez e demasiado pronto todo pasará polo que necesitamos que os momentos vividos perduren no noso tempo vital.
Uns momentos vividos que formarán o noso sinuoso camiño de afastadas lembranzas e que volveremos a vivir balanceándonos na nosa vella árbore acompasando cada recordo coa voz sutil da nosa brisa vital.
Ceci Music
________________________________________________

13. CLAROESCUROS!!!
31-12-2020

A ilusión do inicio do aninovo vinte non nos permitiu ver as xigantescas nubes que se aproximaban no noso firmamento.
O transcorrer do tempo foi pintando complexas pinceladas escuras na tea clara da vida e formando un insólito devir.
O meu refuxio musical permitiume atopar a calma e a quietude que tanto anhelo para acadar a forza necesaria para poder impulsarme na busca das cores da vida.
A unión na distancia máis próxima coa miña linda xentiña acompasou as miñas cores de vida coa harmonía musical das nosas diversas melodías.
Ceci Music
________________________________________________

14. BUSCANDO, XIRANDO E DANZANDO!!!
01-01-2021

Tras un percorrido anual moi insólito, complexo e inusual atópome buscando a luz entre as sombras da escuridade, buscando planes entre a miña maraña de ideas, buscando a miña senda entre as múltiples encrucilladas... Non todo vai funcionar neste aninovo porque todo nos pode facer rir ou chorar xa que os extremos interminables do fío da vida non sempre poden ser atados.
Supoño que toca esperar e ver se dalgún xeito son capaz de atopar o afastado eixe que me faga xirar no patrón rítmico e melódico que o mundo está rompendo coa súa insensatez para atopar a miña harmonía vital.
Teño que ser consciente de advertirlle ao meu sensible corazón que me toca pescudar a senda do meu novo camiño e que necesito un ano máis para volver a vida; un ano máis para saborear as vivenvias positivas e recuperarme das profundas feridas; un ano máis para aprender a vivir entre as luces, a gama de cores e as sombras; un ano máis para poder danzar acompasada coa miña banda sonora vital.
Ceci Music
________________________________________________

15. SEICA VAI UN FRÍO QUE PELA!!!
10-01-2021

Como seica vai un frío que pela con Icía non é moi aconsellable saír ao mundo exterior. Así que nos tocou pasar unha "finde" sen botar o pé fóra da nosa casiña e que mellor xeito de pasar este tempiño invernal que escoitando a nosa apreciada música cuns personaxes ben curiosos que coas súas zorras seguen moito "bene" o compás do vaivén musical.
Barroco - Vivaldi
Clasicismo - Mozart
Romanticismo - Beethoven
Nacionalismo - Grieg
Impresionismo - Debussy
Século XX - Shostakovich
Con todo o meu agarimo vos fago entrega dun pequeniño agasallo musical porque sodes @s mellores aventureir@s musicais do mundo mundial.
Con estes intrépidos personaxes musicais xa podedes desfrutar dunha semana invernal na vosa quentiña casiña seguindo o curso da historia musical.
Ceci Music
________________________________________________

16. NUNCA ESQUECER!!!
18-01-2021

Agocharse ao longo da ruta vital pode ser unha opción tomada por moita xente pero penso eu que sempre é unha mellor oportunidade vivencial escoitar ao noso destino e abrir as nosas lindas mans e o noso agarimoso corazón.
Para intentar sempre vivir cada aventura vital intensamente a pesar das grandes fochas, curvas e obstáculos do camiño porque son así e porque  este xeito vivencial me fai ser e sentirme máis eu.
Intentarei sempre lembrar a fermosa xentiña que me acompaña na miña ruta vital porque me axudan a non esquecer quen son, a perseguir os meus soños, a acompasan as miñas risas e as miñas bágoas e sobre todo porque me encanta cantar e bailar con tan fermosas persoas ao compás que marcan as nosas vidas cruzadas.
Unhas vidas cruzadas que oxalá se nutran de amor, felicidade, confianza e bo humor para poder desfrutar da liberdade dunha fermosa amizade crecente co transcorrer de cada milésima de segundo vital.
Pintarei de mil cores o noso camiño para poder desfrutar de cada aventura vital a través das nosas mil marabillosas diferencias enriquecéndose no cruce das nosas diversas rutas na tómbola da vida.
E así coa miña marabillosa xentiña irei camiñando pasiño a pasiño a medida que vou curando as miñas feridas porque todo na vida é demasiado breve pero sempre estarei preparada para vivir intensamente todo o que "vendrá".
Ceci Music
________________________________________________

17. CECI ME FLIPÓ!!!
22-02-2021

Icía e eu sempre andamos na procura de tesouros musicais que nos activen as nosas emoción máis profundas. Buscando, buscando e rebuscando atopamos este magnífico tesouro musical cheíño dunha grandísima capacidade de invención loxística que produciu en ámbalas dunhas unha hipnotización dun fermoso soño de  profunda relaxación.
No intre de volver a realidade activouse o meu querido rol de mestra que sempre anda a intentar entusiasmar e sorprender @s meus aventureir@s escolares. As súas caras ao escoitar e visualizar esta maquiniña musical  e escoitar comentarios como "Ceci, me flipo", "Que pasada", "Vouno volver ver ao chegar a casa"... foron unha grandísima carga enerxética para seguir o meu camiño docente.
Agora, quizais máis que nunca, "tutti" necesitamos desfrutar dos preciosos tesouros musicais das mentes creativas máis asombrosas do mundo mundial para ser capaces de superar este momento insólito que estamos a vivir. Pero para ben e para mal, o tempo corre sen parar e conseguirá que o "mal bichiño" que nos anda a amolar afloxe un pouquiño os seus efectos e poidamos volver voar para ver as estrelas musicais...
Tanto de noite...
Como de día.
Chegado ese momento quizais teñamos que reflexionar que os macroconcertos son demasiado devastadores para o noso agotadiño planeta e quizais  teñamos que reinventar os concertos en lugares pequeniños e con menos público para que o noso planeta sexa capaz de seguir xirando a bo ritmo para as futuras xeracións.
Ceci Music
________________________________________________

18. 75+1=NON ESQUEZAMOS!!!
27-01-2021

Icía "gosta" moitísimo desta fermosa canción e do seu magnífico vídeo. Nunca deixará de sorprenderme a súa selección natural e emocional de tesouros musicais preferidos.

Despois de moitísimas escoitas e visualizacións dende o seu descubrimento fai xa un aniño, ela sempre se emociona con cada nota e con cada luz dun xeito totalmente asombroso para min.

Quizais ela sexa máis consciente do que eu me imaxino e sabe que as novas xeracións non deberían esquecer nunca o acontecido durante o terrible Holocausto porque o esquecemento é sinal inequívoco de volver a tropezar novamente na mesma pedra e niso, por desgracia, o ser humano somos verdadeiros expertos.

Oxalá, algún día non moi lonxano, o ser humano sexa capaz de aprender a ABANDONAR a súa insaciable AVARICIA e AMAR a súa enriquecedora DIVERSIDADE.
Ceci Music
________________________________________________

19. BUSCANDO O imPULSO viTAL!!!
15-02-2021

Esta situación insólita que estamos a vivir e que se está a prolongar no tempo máis do que a nosa carga enerxética pode parecer aguantar, nos está a roubar o noso PULSO viTAL debido a que todo o que nos rodea e nos acontece parece ser unha inmensa ruína acompasada con desacougo, medo, distanciamento e soidade.
Pero a nosa carga enerxética sempre está a procura de ese imPULSO viTAL que sempre nace do noso instinto natural. Ese valente e tribal instinto que cando somos capaces de escoitalo e de animarnos a seguilo crea unha potente e relaxante melodía acompasada a unha fermosa posibilidade vivencial.
Que nos traslada a un atlas no que as nosas mans poden aloumiñar a frescura da felicidade por un breve pero intenso período de tempo.
E desa enriquecedora vivencia, aínda que esta situación insólita se prolongue durante algún tempo indefinido máis, nacerá e perdurará a enerxía revitalizante do son das montañas para seguir buscando o noso imPULSO viTAL.
Ceci Music
________________________________________________

20. ESENCIA FEMININA!!!
08-03-2021

O Día da Muller é un momento para prometernos esquecer os contos nos que o poder enfermo nos dixo a  todas as mulleres que non podiamos e ademais  é un intre para comezar a escoitar o noso corpo e a nosa mente e rir ou chorar cando nos faga falta para poder lograr vivir a vida que nos merecemos con toda a súa gama de fermosas e variadas cores.
O Día da Muller é un momento para buscar a nosa esencia enerxética conxunta en constante movemento para poder encontrar a saída do labirinto no que estamos perdid@s tanto mulleres como homes e poder equilibrar a balanza que nos permitirá machucar todo o vello establecido e seguir a luz para desfrutar dunha vida intensamente plena.
O Día da Muller é un intre para querer bailar e con cada paso dado ser capaces de dar sentido a tanto desastre heredado e conseguir existir dun xeito vital plenamente conxunto.
O Día da Muller sempre prometo buscar a miña esencia feminina para desfrutar do baile da vida en boa compañía e poder soñar loitando cun mundo mellor.
Anímaste a bailar comigo!?
Ceci Music
________________________________________________

21. MERECIDO DESCANSO!!!
26-03-2021

Este ano escolar está sendo tan insólito como ano académico pasado aínda que dun xeito ben diferente e chegados a este segundo descanso vacacional viñeron a miña memoria todas as miñas voltas e reviravoltas mentais para ser a vosa mestra virtual e todas as miñas inmersións na rede para poder ofrecervos vivencias musicais enriquecedoras e divertidas para superar o inesperado confinamento do ano pasado.

Un dos tesouros musicais que descubrín foi este trío musical que nos lembra que:

- O silencio sempre nos permitirá desfrutar das fermosas cores e dos lindos son da primavera que nos rodean.
- As mascotas sempre nos van acompañan dun xeito fermoso e natural.
- A gran capacidade expresiva e creativa das nosas mans para pasar un intre ben divertido.
- A gran importancia de ter sempre a mente esperta para estar preparad@s para aprender constantemente ante os continuos cambios vitais.
- A xogar coas sílabas ao compás da expresividade corporal e asubiar notas de felicidade musical.
- A desfrutar movendo o corpo a un bo ritmo musical para intentar ser máis felices en cada movemento coordinado dado.
- A compartir conxuntamente movementos musicais coas nosas persoas queridas e adiviñar en boa compañía un futuro mellor.
- A  grandísima importancia de non perder o ritmo do latexo do noso corazón de millo.
- A desfrutar do noso merecido descanso tras un grandísimo esforzo para superarnos durante este trimestre porque en nadiña xa teremos que voltar ao camiño do sol que nos levará a nosa escola para seguir aprendendo a aprender.
Feliz e merecido descanso querid@s aventureir@s!!!
Ceci Music
________________________________________________

22. BAILAR E BAILAR SEN PARAR!!!
29-04-2021

Na nosa casiña moito por facer coas nosas mans para crear ese mundo no que @s tres nos poidamos sentir o suficientemente segur@s para ser capaces de lograr bailar todo o que nos propoñamos aínda que o noso peso non sexa nada fácil de cargar.
A natural natureza que rodea a nosa casiña nos permite recargar as baterías na nosa sosegada soidade ou na gratificante compañía das máis fermosas amizades que nos acompañan no noso baile vital.
A nosa inesperada viaxe polo mundo da "Divercapacidade" está a enriquecer os nosos pequenos grandes corazóns de lindas amizades que coas súas diferentes mensaxes están a decorar con diversas coreografías o noso camiño de ascenso a alta montaña para poder ver o inmenso mar e o infinito ceo.
As nosas visitas ao mundo escolar para vivir aventuras inclusivas cos grupiños de compis de Icía sempre conseguen poñer a nosa cabeciña a pensar o xeitiño de romper co prognóstico establecido pola medicina e seguir bailando e bailando sen parar coa nosa pequerrechiña ao compás do seu swing vital.
Feliz Día da Danza a Tutti!!!
Ceci Music
________________________________________________

23. NOTA A NOTA BAILANDO A NOSA VIDA!!!
14-05-2021

A nosa vida individual quizais sexa unha sucesión de notas fugaces ou prolongadas que como diminutas gotiñas de auga de diversas nubes van caendo rápida ou lentamente no mesmo recipiente e van bailando a nosa vida.

A vida compartida quizais sexa tan tremendamente efémera como unha complexísima melodía que intentamos por todos os medios posibles memorizar nota a nota na nosa cabeciña pero a pesar dos moitos intentos mentais soamente somos  capaces de lembrar pequenos retallos musicais e nese momento quizais a mellor posibilidade sexa focalizar a nosa enerxía en activar o sentir do corazón porque ese nunca esquecerá a inmensidade de emocións de cada baile vital compartido.

Vivir intensamente cada baile compartido no intre exacto da interpretación musical quizais sexa o gran segredo dunha vida individual plena e unha vida compartida feliz.

Papá Sempre no meu Corazón
e a
Música Sempre a nosa Conexión!!!
Ceci Music
________________________________________________

24. NON PODES COMER CARTOS!!!
05-06-2021

Hoxe é o Día do Medio Ambiente e penso eu que esta magnífica artista e a súa inmensa canción din todas as verdades verdadeiras sobre o asunto da cuestión xa que é terriblemente terrible o  coidado que temos co noso planeta acolledor e é nefastamente nefasto o futuro que estamos a deixar para as novas xeracións pero desexo con todas as miñas forzas seguir o meu camiño para lograr o soño dun mundo paralelo onde nada doe e onde o equilibrio sexa unha constante vital.

Ao igual que unha semente
Non sei a onde ir
A través da sucidade e da sombra crezo
Estou alcanzando a luz a través da loita
Ao igual que unha semente
Estou perseguindo a marabilla
Desenrédome 
Todo en cámara lenta

NON PODES COMER CARTOS, OH NON
CANDO A ÚLTIMA ÁRBORE CAIA
E OS RÍOS ESTEAN ENVELENADOS
NON PODES COMER CARTOS, OH NON

Sufócame así as miñas bágoas poden ser choiva
Regarei o chan onde estou
Así as flores poderán volvera crecer
Porque ao igual que unha semente
Todo quere vivir

Estámonos queimando os dedos
Pero aprendemos e perdoamos

Luz solar, aliméntame
Aire, aliméntame
Verdade, aliméntame
Oración, aliméntame
Nun lugar onde nada importe
Bailando arredor dunha estrela fugaz
E cada célula lembre
O que nos trouxo ata aquí
Vexo imaxes de baleas asasinadas
Durmindo nun camiño deserto

SOÑANDO CUN MUNDO PARALELO 
ONDE NADA DOE!!!
"When the last tree has been cut down, the last fish caught, the last river poisoned... Only then will we realize we cannot eat money"
Cree indian proverb
Ceci Music
________________________________________________

25. TODO UP!!!
30-06-2021

Hoxe poñemos fin a un ano académico que tivo o seu aquel debido á situación insólita que estamos a vivir e que nos obrigou a reinventarnos para podelo concluír cun éxito case inesperado no principio de curso. Así que agora imos empezar as nosas máis que merecidísimas vacacións soñando que todo estará ben moito máis pronto do que pensamos porque desexamos con todas as nosas forzas un "Todo Up".
Neste verán vos invito a que deixedes apagados na casiña os vosos acaparadores rectángulos (televisión, tablet, teléfono e ordenador) que vos  rouban demasiada cantidade de tempo e que vos converterán en tristes zombis se llo permitides. Aínda que eu quero estar segura de que vos decidiredes polos divertidos xogos no real mundo exterior cos vos@s querid@s amig@s.
Tamén nos vos esquezades de xogar cos vos@s irmáns e irmás porque aínda que ás veces pensedes que chegaron dun planeta sideral nunha nave espacial xa que son uns bichiñ@s rar@s, no fondo do voso corazón sabedes que @s queredes con todo o voso verdadeiro agarimo sideral.
Moit@s de vós poderedes desfrutar da compañía da vosa fiel mascota que movera o seu rabiño seguindo o voso compás.
Quizais tamén fagades algunha fabulosa viaxe a un recuncho especial do mundo, onde quizais vos agarden grandes sorpresas vitais como poder ver a Barto, o Lagarto.
Con tantas emocións vitais non vos esquezades das actividades cotiás máis sinxelas pero tan  necesarias  como pasar un bo anaquiño de tempo limpando os dentes ao ritmo tropical do verán porque todo pode ser unha gran diversión se nolo propoñemos con todas as nosas enerxías vitais.
E para rematar tantos e tantos días activos e divertidos no mundo marabillosamente real nada mellor que despedir ao vigoroso sol enerxético cun fabuloso baño que nos invitará a soñar coa fermosa lúa relaxante.
Como profe de música non me podo despedir se invitarvos a que non paredes de escoitar, cantar, tocar ou bailar música sen parar para poder sacarlle brillo aos vosos lindos sorrisos.
Sabedes que todas estas invitacións e consellos son porque vos quero e que en setembro espero que tod@s volvamos coas nosas baterías recargadas a tope para seguir musiqueando xuntiñ@s no noso mundo realmente escolar.
Felices e Merecidas Vacacións a Tutti!!!
Ceci Music
________________________________________________
2020-2021