mércores, 22 de abril de 2020

TEMPO

MECÉNDOSE AO COMPÁS!!!

A vida do meu compi e a miña detivéronse por un breve pero inmenso tempo ao nacer Icía.

Pouco a pouco quixemos intentar coller o ritmo ao que circulaba o noso entorno... pero naqueles intres, todo o mundo circulaba demasiado desenfrenadamente para @s tres. Así que, case sen percatarnos, fúmonos adaptando ao noso ritmo miudiño-miudiño-miudiño.

Nese baile paseniño que estabamos a bailar, algunha xentiña quizais pola nosa lenta velocidade decidiu cambiar de pista de baile e botarlle un baile moitísimo máis marchoso e animoso. Outra xentiña quedouse na nosa pista de baile rimando ao noso compás. A nosa linda xentiña bailarina coa que xuntiñ@s desfrutamos de cada peza musical vivida e bailada.

Así que tocounos aprender unha difícil lección de vida xa que nos percatamos de que o tempo transcorre moi velozmente e que sempre vai levar algunha xente... inevitablemente!!!

Por sorte, un día na nosa relativa calma escoitamos con detalle o tic-tac do tempo e descubrimos que estaba a marcarnos un novo compás no que a Estrela Ugia sempre debuxaría grandísimas sorpresas no noso camiño, o Sol Pierrot sempre sería a nosa potente vitamina musical e a Lúa Awel sempre guiaría a nosa aventura coa súa brillante e lindísima luz.

Pois hoxe toca botarlle un chulísimo pasodobre universal...


xa que a vida leva pero tamén trae xente no seu axitado vaivén...


e nunca esquezades que o sol é vitamina, a lúa nos guía e as estrelas fan debuxos para non perder o noso camiño...


que sempre será bo sementar cun "cachín" de bo humor.


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

domingo, 19 de abril de 2020

ALEGRÍA

UN SORRISO ALTO, ASTRAL!!!

Durante os seis primeiros aniños de vida de Icía, a verdade verdadeira é que tivemos unha rarísima sensación de ser unha familia un tanto peculiar debido a "Divercapacidade" da pequerrechiña e porque o noso ritmo de vida era ben distinto ao resto de familias que coñeciamos.

As nosas grandísimas preocupacións, a nosa constante busca de axudas profesionais, as nosas alegrías ante un mínimo avance... podían ser compartidas coa nosa linda familia e coas nosas preciosas amizades pero faltábanos esa comprensión profunda doutras familias que viviran e sentiran a "Divercapacidade" nos seus corpos, nos seus pensamentos e nos seus corazóns no seu día a día.

Grazas mil a Uxía Senlle e a Magín Blanco por descubrinos un novo camiño pola que circulaba nun precioso tren ben musical, unha lindísima familia inclusiva mil por mil. 

Coñecer a Ruí que é o maquinista máis lindo que vos poidades imaxinar, a Chus que é unha compositora cheíña dunha hospitalidade agarimosa totalis e a Manuel que é o xefe de máquinas máis optimista e simpático para ter sempre a punto o tren "María FumaÇa", foi un billete agasallado a unha máxica viaxe cheíña de aventuras que nunca soñaramos vivir na nosa diversa realidade. 

Aquí vos deixamos a primeira canción coa que Icía mostrou un gran sentimento de alegría e un sorriso alto, astral...


Agora vos queremos agasallar cunha das nosas cancións favoritas do mundo mundial polos debuxos, pola música e sobre todo, pola preciosa voz de Ruí cantando...


E non nos podemos despedir desta aventura vital sen invitarvos a que desfrutedes ao máximo das dotes creativas da lindísima mamá de Ruí...


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

sábado, 18 de abril de 2020

CANSA

TRABALLO SEN TASA!!!

Como ben vos podedes imaxinar, dende que Icía e a súa "Divercapacidade" apareceron en escena , a miña vida tivo unha grandísima carga física e emocional. 

As dúas cargas eran tan potentes que estaba realmente cansa. Esa fatiga se reflectía nos meus ollos porque traballaba sen tasa, indo do cole a casa e de casa ao cole.

No cole, traballa sen descanso porque era a miña vía de escape e porque me encanta intentar transmitirvos a miña paixón pola música. Na casa porque ademais de facer as necesarias labores domésticas, tiña que facer as seis horas e media de estimulación do Método Doman, durante seis días a semana, para mellorar a calidade de vida da peque.

Con isto todo xa tiña máis que suficiente. Pero a maiores a pequechiña, polos seus problemas de alimentación, pasaba moitas noites esperta con moitísimas molestias e dores e eu con ela porque como xa sabedes somos unha en dous.

Aos seis anos deste ritmo desenfreado de traballo, o meu corpo e a miña mente comezaron a resentirse. Ambos necesitaban un bo e merecido descansiño.

E chegou ese momento tan esperado. O ar invitounos a Icía, o seu papá e a min a un concerto de Uxía Senlle e Magín Blanco para celebrar as Letras Galegas adicadas a Manuel María. E claro, non nos puidemos resistir.

Ao rematar Uxía e Magín estiveron connosco e produciuse unha conexión máxica chea de "Divercapacidade". O seu gran sorriso e o seu gran corazón deunos a coñecer un novo camiño que animámonos a andar para descubrir que a vida é moito máis que traballar e traballar.

Xa vos contaremos porque esa é unha aventura cheíña de xente lindísima, moi diversa e cunha gran riqueza musical.

Aquí vos deixamos este lindo poema moi ben acompasado coa preciosa música de Uxía & Magín e uns fermosos debuxos que relatan a vida da cansa Señora Vaca...


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

martes, 14 de abril de 2020

GUAU

SOLFA E FUSA!!!

Icía, debido a súa "Divercapacidade", percibía a realidade dun xeito un tanto "diferente" a calquera bebé ou cativ@ (en realidade, se o pensamos ben a calquera persoa lle acontece isto mesmo) porque un mínimo son ou ruído lle afectaba tanto que provocaba nela un grandísimo nerviosismo e a súa visión era moi reducida aínda que non sabemos moi ben ata que punto... entre outras moitas cousiñas.

Pero curiosidades da vida... Un día que os tres iamos de paseo cruzámonos cun canciño que se puxo a ladrarnos como un toliño. A peque non se puxo nada nerviosa, todo o contrario, comezou a rir e a seguir ao canciño coa súa mirada, segundo el se ía movendo dun lado para outro.

Ao chegar a casiña, o papá de Icía e eu falamos, un bo anaquiño de tempo, da reacción tan positiva que o canciño provocara na pequerrechiña. 

Aquela aventura co canciño foi o inicio dun pensamento que quixemos facer realidade. Así que uns meses máis tarde apareceu Solfa  (nome que lle daba o meu avó as partituras musicais) nas nosas vidas. Canto ben nos fixo aos tres pola súa tranquilidade, polo seu agarimo e pola súa compañía.

Pero a Solfiña estaba demasiado tempo soa porque nos tiñamos que facer a maratón de exercicios do método Doman. Isto levounos a pensar que necesitaba unha compañeira. Así apareceu a súa filla Fusa que nos aportou un montón de enerxía, unha inmensa vitalidade e unha conexión moi especial con Icía.

A nosa vida con Solfa e Fusa mellorou moitísimo porque son unhas preciosas compañeiras na nosa aventura vital.

Aquí vos deixamos unha canción que nos agasallou a nosa "sobri-curmá" Sara e que nos mostra a importancia dunha mascota na vida dunha persoa...


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

domingo, 12 de abril de 2020

CONEXIÓN

UNHA BOA REDE FAMILIAR!!!

As novas médicas dende o nacemento de Icía eran moi negativas e o máis duro foi ir comprobando no noso día a día coa pequechiña que ditas novas eran certas.

Como xa vos contamos anteriormente, dende os cinco meses nos puxemos mans á obra co método Doman para ir estimulando o sistema psicomotor de Icía e a partir dos tres anos guiados pola Dra Clavera, fixemos un cambio "totalis" de alimentación.

Esta combinación e un grandísimo esforzo pola nosa parte foi fundamental para ir desfrutando moi paseniño dunha evolución "in crescendo" da nosa filla. Pero temos que destacar que esa evolución sería imposible sen unha enorme conexión cunha boísima rede familiar.

O avó e a avoa foron a nosa base de sustento de ánimo porque sempre estiveron e están aí para o todo o que precisemos. As miñas irmás e os seus compis sempre dispost@s a axudar e a animarnos nos momentos máis baixos. As curmáns e o curmá da pequecha tiveron esa mirada inocente e asombrosamente natural, converténdose nunhas pezas dun valor incalculable para tirar para adiante tanto para Icía como para min mesma.

Graciñas mil a miña lindísima familia por axudarnos a andar o noso difícil e complicado camiño.

Aquí vos deixamos unha canción dunha serie de debuxos que lle requetechiflan a Icía porque @s "protas" viven nun mundo musical...



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

DIETA

PÓCIMA ALIMENTARIA !!!

A alteración xenética de Icía ademais de traer de serie un retraso no seu desenvolvemento psicomotor global tamén lle afectou moi seriamente o seu aparato dixestivo.

Os tres primeiros anos de vida de Icía foron terriblemente duros de levar porque os problemas de alimentación eran gravísimos. Non lle permitían estar ben nutrida para crecer, nin durmir para descansar, nin conectarse co mundo exterior que tanta falta lle facía para poder reducir o seu retraso psicomotor.

Contabamos coa magnífica Dra Noemi Conde -especialista en Neuroloxía-, coa incansable Dra Cristina Laguna -especialista en Rehabilitación- e coa fantástica Dra Patricia Pernas -especialista en Nutrición-, pero non eran capaces de atopar a alimentación que fixera posible un avance a nivel nutricional da pequechiña.

Por sorte ou quizais pola nosa busca incansable de posibilidades, apareceu a Dra Mª Jesús Clavera. Ela coa súa variña máxica fixo unha "pócima" alimentaria que provocou unha chea de magníficos cambios en Icía e volveu a espertar os nosos soños agochados dunha vida de mellor calidade para a nosa filla.

Así que aquí vos deixamos unha canción cunha receta con bastante sal porque El kanka está "a dieta de dietas". Icía e eu pensamos que quizais deba reconducir a súa nutrición porque como di a mítica frase "somos o que comemos"...


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

sábado, 11 de abril de 2020

VOAR

DÚAS VIDAS NUNHA SOA!!!

Icía e a súa "divercapacidade" fixo que me puxera a buscar incansablemente o xeito de poder axudala a superar as súas limitacións polo simple feito de que ela puidera ter unha mellor calidade de vida.

Tiven máis posibilidades enriba da mesa pero naquel momento todo o mundo estaba a falar do método Doman. Unha amiga faloume da Fundación B.O, onde me informaron que nos Institutos Fay de Madrid valorarían o caso da nosa filla e nos marcarían uns exercicios de estimulación global para a pequechiña.

Sen moitas dúbidas pola miña parte porque era a opción máis viable, marchamos os tres con soamente cinco meses de vida da pequecha a Madrid. Esta viaxe foi toda unha odisea polas circunstancias da "divercapacidade" da peque. 

Nos Institutos Fay, despois do seu diagnóstico inicial, marcáronnos un maratón de exercicios  de estimulación visual, auditiva, oral, táctil e motora... a realizar seis días a semana e cunha duración de seis horas diarias.

A dureza deste método é case imposible de explicar nunhas breves liñas porque a vida seguiu o seu curso pero nós nos quedamos xirando ao ritmo do maratón de exercicios e coa presión engadida de non poder deixar de facer nin un so exercicio porque eso podía significar un "non avance" da pequechiña.

A pesar das dúbidas sobre a eficacia do método e o tremendo esforzo físico, mental e económico, Icía e eu agarrámonos ben xuntiñas - coa axuda do seu papá e da miña linda familia- para ser capaces de voar e soñar cun futuro mellor para a loitadora máis grande que coñezo. 

Ao sexto ano de realizar o método Doman, Icía comezou a demostrar que necesitaba un cambio de camiño, o seu papá precisaba outro ritmo de vida e ademais o meu esgotamento físico e mental era grandísimo... 

Por sorte, a vida nos fixo un pequeno agasallo pero vos toca esperar porque esta será outra das nosas próximas aventuras relatadas.

Agarrádevos forte para voar porque aquí vos deixamos esta chulísima canción voadora que nos mostra que unha nai vive dúas vidas nunha soa...


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

venres, 10 de abril de 2020

DÚBIDAS

UN INMENSO OCÉANO!!!

Icía decidiu nacer despois de estar no festival de nadal do cole... quizais escoitar cantar a tant@s peques foi unha gran motivación para querer saír e poder así desfrutar en persoa da Música.


Dende o primeiro momento, as novas médicas non foron nada positivas e todo o que soñaramos esfumouse nun abrir e pechar de ollos.

Durante os tres primeiros anos soamente se sucedían vivencias, probas e ingresos que indicaban que a pequechiña sufrira unha alteración xenética moi potente que lle estaba afectando e lle ía afectar durante toda a súa vida ao seu desenvolvemento psicomotor global.

Eu me sentín rodeada por un océano de dúbidas, culpabilidades, medos, tristezas, inseguridades... Pero curiosamente nese terrible e inmenso océano - grazas o meu compi de fatigas e alegrías, a miña linda familia e as miñas queridas amigas - apareceu a balea do meu interior que coa súa grandeza me indicou como debía nadar para poder saír a flote e sobre todo, como poder axudar a Icía a ter unha vida sanadora.


Icía e eu queremos ofrecervos un dos nosos intérpretes preferidos porque cada vez que temos a oportunidade de escoitalo nos emociona dun xeito inmenso como o océano...



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!


Ceci Music & Icía Power

xoves, 9 de abril de 2020

ALELUIA

ICÍA ENTRA EN ESCENA!!!

A gran nova de que Icía estaba a punto de entrar en escena para incorporarse ao noso dúo vocal foi toda unha alegría e un canto a viva voz dun lindo "Aleluia" para toda a familia.

Fixemos o mellor posible para que todo saíse "ben" pero non todo foi como soñamos porque a vida te dá sorpresas, sorpresas te dá a vida.

Ao nacer todo foi inesperadamente "mal" pero nós sempre estivemos en pé cantando con todas as nosas forzas un grandioso "ALELUIA" porque eras a nosa pequechiña e dalgún xeito sabiamos que nos enriquecerías co teu precioso corazón cheo de fortaleza, de amor verdadeiro e de preciosa música.

A canción de hoxe é un canto de "Aleluia" ante a grandeza da natureza que fixo posible o nacemento da nosa pequechiña e que tantas emocións lle provocan cada vez que a desfrutamos ben xuntiñas.


Agardámosvos no próximo tesouro musical!!!
Ceci Music & Icía Power

martes, 7 de abril de 2020

MAXIA

O MELLOR COMPI DE ALEGRÍAS E TRISTEZAS!!!

Tras moitos aniños cantando a miña vida a unha soa voz... 

Un día por arte de maxia apareceu esa persoa que sabes é o teu mellor compi de alegrías e tristezas, de entrada dun xeito intuitivo e pouquiño a pouco de xeito máis racional vas adentrándote nunha nova aventura vital a dúas voces. 

Sempre intentando que ambas voces soen afinadas e se vaian acoplando os seus diferentes ritmos para que a canción resultante sexa o máis acompasada cos desexos de vida de ámbolos dous intérpretes.

Hoxe vos propoño esta linda canción con debuxos que relata como dúas lindas voces ben xuntiñas e acompasadas cos seus diversos ritmos persoais poden crear unha fermosa familia real tal como un día nos animamos a facer realidade o meu compi de aventuras e desventuras vitais e eu.


Agardámosvos no próximo tesouro musical!!!
Ceci Music & Icía Power 

MÚSICA

UNHA VIDA MUSICAL!!!

Quizais ao nacer xa traia incorporado de serie a miña paixón pola Música pero despois a vida foi agasallándome con lindas persoas que me animaron a seguir o camiño musical que tantas alegrías me leva aportado.

A pesar de ser eu ben pequeniña, lembro moi ben cando eran as festas do setembro e ía co meu avó Chelo a escoitar os concertos das bandas que tanto lle gustaban. Por aqueles tempos el xa non podía tocar nas bandas pero si desfrutaba con gran entusiasmo da súa escoita. Eu sentaba o seu lado moi quietiña e cos oídos e os ollos ben abertos para non perder detalle. Xuntos viviamos un deses momentos máxicos que quedan gravados para sempre na memoria e no corazón.

Cando comecei o cole, con cinco aniños, tiven a sorte de ter a mellor mestra de Música do mundo mundial, a madre Josefa. Ela escoitou a miña voz e nun breve instante decidiu poñer toda a súa paixón educativa e musical para conseguir ensinarme o máximo posible dunha linguaxe musical que sempre me pareceu moi complexa pero ao mesmo tempo moi intuitiva, todo grazas a ela.

Unha vez que xa coñecía un pouquiño a linguaxe musical, decidín que quería aprender a tocar o piano como a madre Josefa. O destino puxo no meu camiño a profe Rosa coa que tiven un "feeling" especial que me levou a tocar incansablemente para conseguir tocar tan precioso instrumento.

As vivencias e aprendizaxes musicais con eles tres fixeron que no momento de decidir o meu futuro profesional non tivera a menor dúbida de que quería ser mestra de Música para intentar con todas as miñas forzas que máis cativ@s tiveran a posibilidade de aprender,  desfrutar e enriquecerse coa Música.

Polo demais, a miña vida está rodeada de lindísimas amizades que naceron dun xeito natural grazas a compartir esta paixón por un arte tan espectacular como é a Música e que chega tan directamente o mundo interior dos nosos sentimentos máis profundos.

Así que imos a escoitar atentamente un dos meus compositores preferidos e a visualizar como se move a liña melódica e a harmonía dunha das súas impresionantes creacións.


Agardámosvos no próximo tesouro musical!!!
Ceci Music & Icía Power

venres, 3 de abril de 2020

BENVIDA

BOAS AVENTUREIR@S MUSICAIS!!!

Somos Ceci e Icía e queremos invitarvos a nosa nova aventura dixital, é dicir, a creación do noso blog "Ceci Music & Icía Power".

Neste blog compartiremos convosco os máis fermosos tesouros musicais que se acompasan as mil marabillas coas nosas diversas aventuras vitais creando dun xeito máxico a nosa banda sonora para ter a enerxía positiva necesaria para subir a altísima montaña da "DiverCapacidade" de Icía que nos vai marcado o seu compás namentres o mundo xira e por nós non parece agardar.

Imos comezar cun pequeniño agasallo de benvida para que vos animedes a descubrir pouquiño a pouquiño cada un dos nosos tesouros musicais e sintades pasiño a pasiño as nosas aventuras vitais na escalada da "DiverCapacidade" da nosa pequena gran aventureira.


Agardámosvos no próximo tesouro musical!!!
Ceci Music & Icía Power