ICÍA & AVENTUREIR@S 2009-2019

01. SEMPRE NO MEU CORAZÓN!!!
10-07-2020

Son Icía e a miña vida é unha constante loita por non romperme en mil anacos ante as situacións máis sinxelas e cotiás que vós, querid@s aventureir@s, sodes capaces de facer con naturalidade.

Son Icía e a miña vida é unha constante busca de enerxía vital para ser capaz de lograr cada mínimo e o mesmo tempo xigantesco avance que me vai permitindo estar un pouco máis conectada a vós, querid@s aventureir@s, e a vosa velocidade vital.

Son Icía e a miña vida están cheíña de lindísimas mans familiares e amistosas que me axudan a crecer porque saben que eu teño infinitas ganiñas de poder aprender, xogar e rir convosco, querid@s aventureir@s, para poder ser aínda máis feliz do que xa son.

Son Icía e a miña vida está cheíña de preciosos corazóns familiares e amistosos que se unen o meu natural corazón coma vós, querid@s aventureir@s, que vos animáchedes a vivir intensamente esta aventura diversa e musical.

Graciñas mil a cada unha das persoas que dun xeitiño ou outro me axudades a avanzar e a seguir o meu camiño porque facedes o difícil moitísimo máis doado.

Sempre no meu corazón!!!

Icía Power
_____________________________________________________

02. DESEQUILIBRIO XENÉTICO!!!
02-08-2020

Son Icía e unha potente alteración xenética é a responsable do meu lento desenvolvemento psicomotor. Aínda que moito levo avanzado tendo en conta que a medicina me prognosticaba un futuro tirando a negro, negro, negro carbón.

Son Icía e a miña nai e o meu pai moitas voltas e reviravoltas lle levan dado ao que puido pasar para que acontecera a miña rarísima alteración xenética que ademais non é coincidente nas patoloxías cos pouquiños casos documentados da mesma.

Son Icía e a miña nai e o meu pai seguen a darlle voltas e reviravoltas ao tema porque a medicina tras dez aniños segue a estudar o meu caso para atopar respostas.

Son Icía e a miña nai e o meu pai chegaron a unha das súas hipóteses para poder tranquilizar a súa mente e o seu corazón. Ámbolos dous pensan que quizais a humanidade está a tratar tan mal a fermosa natureza que é moi probable que a miña alteración xenética e outra moitas que se están a dar dun tempo a esta parte sexan froito deste terrible maltrato ao noso espectacular planeta e o seu equilibrio natural.

Son Icía e desexo con todas as miñas forzas que a humanidade sexa capaz de volver a vivir en harmonía coa natureza para evitar que segan a acontecer máis e novos desequilibrios xenéticos.

Coidemos o noso futuro!!!

Icía Power
_____________________________________________________

03. NA DIFERENCIA ESTÁ O GUSTO!!!
22-08-2020

Son Icía e unha potente alteración xenética é a responsable de que moita xente me mire dun xeito un tanto diferente. Esa maneira de mirar lles impide descubrir que en realidade tod@s somos diferentes porque na diferencia está o gusto e a riqueza das persoas e das relacións humanas.

Son Icía e son tan diferente como calquera de vós, querid@s aventureir@s, porque tod@s somos diversos e tod@s temos capacidades que enriquecer e limitacións que superar e se nos axudamos entre tod@s a potenciar as nosas marabillosas diferencias seremos moitísimo máis felices.

Son Icía e cada unha das miradas sobre min durante a miña breve pero intensa vida levou a miña nai a unha profunda reflexión que plasmou nesta verbas:

"AS MIRADAS SOBRE ICÍA"

Cando Icía&family saímos da nosa zona de confort, é dicir, da nosa casiña, as miradas recaen sobre Icía nunha cantidade e intensidade que non nos deixa indiferentes e provocan unha gran cantidade de pensamentos e sentimentos en nós.

As miradas d@s máis cativiñ@s son de inocencia e complicidade porque quizais non perciben diferencias significativas entre os seus hábitos e emocións cos que mostra Icía e interactúan con ela cunha preciosa naturalidade.

As miradas d@s menos cativ@s son da necesaria curiosidade por saber e comprender. Van tan confiad@s agarrad@s da man do adulto que non dubidan en retorcerse para investigar e recadar o maior número de datos posibles para intentar resolver as súas dúbidas co seu adulto acompañante ou chegar as súas propias conclusións intuitivas.

As miradas dos adolescentes son as mínimas ou case poderiamos dicir inexistentes porque penso eu que están demasiado ocupad@s desfrutando do seu gran momento vital ou resolvendo as súas profundas loitas internas por chegar a súa vida adulta con certo éxito.

As miradas dos adultos son na súa inmensa maioría de magoa e pena porque supoño eu que se imaxinarán as máis terribles dificultades e limitacións na nosa vida. Pero en contadas ocasións, me invade unha inmensa felicidade ao sentir unha mirada adulta de empatía e simpatía a Icía porque estou segura que ese adulto conserva intacto o seu máis cativiñ@ eu e fainos sentir que non somos tan diferentes ao resto da humanidade.

Oxalá existisen, en todas as etapas vitais, un sinfín de lindas miradas ante a miña DiverCapacidade porque iso indicaría que a inclusión non é unha utopía senón unha realidade!!!

Made por Ceci Music

Son Icía e espero que a reflexión da miña nai de algún xeito vos axude a comprender que as vosas miradas poden axudarnos ou desaxudarnos na nosa aventura vital porque "unha mirada vale máis que mil palabras".

Son Icía e espero que algún día descubrades que coa miña enriquecedora diferencia podemos pasar grandísimos momentos vitais compartidos.

Animádesvos!?

Icía Power
_____________________________________________________

04. PERDA DE CORES VITAIS!!!
24-08-2020

Son Icía e a miña nai agarrouse con todas as súas formas a única táboa de salvación que descubriu no inicio da miña aventura vital porque o Método Doman estaba moi difundido por un coñecido cantante que o estaba empregando, seica con moito éxito, co seu meniño con parálise cerebral.

Son Icía e o meu pai, aínda que nunca tivo moi claro que este método fose tan fantasticamente fantástico como o relataban os seus defensores, axudounos o inimaxinable para que puideramos seguir o seu intensísimo ritmo porque nos quere moito moitísimo.

Son Icía e dende os seis meses ata os seis anos da miña intensa vida traballei coa miña nai moito moitísimo, tanto como seis días a semana durante seis horas diarias, facendo exercicios de estimulación motora, visual, auditiva, oral... para poder avanzar e chegar as metas que este método ten sinalas como adecuadas en cada fase de desenvolvemento infantil.

Son Icía e non vos podedes nin imaxinar o durísimo que foi esta etapa da miña aventira vital porque tivemos que renunciar a moitísimas cousiñas para poder seguir o ritmo marcadamente disciplinario deste método e porque ademais se non conseguiamos os avances esperados a culpa non era do método precisamente... era da nosa familia.

Son Icía e como mamá non atopaba outra táboa de salvación, estivemos moito tempiño a un ritmo moi intenso de exixencia e pouquiño a pouquiño, sen darnos conta polo atarefadas que estabamos,  perdemos as nosas marabillosas cores vitais e iso que papá levaba tempo avisándonos.

Son Icía e por sorte, a nosa querida música, o vento do norte e a brisa do sur axudáronos a darnos conta que papá tiña un algo bastante de razón e que outro xeitiño de avanzar era posible.

Son Icía e para fortuna nosa aínda estabamos a tempo de recuperar as nosas cores vitais e vivir grandes aventuras cunha fermosa paleta de cores nunha magnífica partitura musical.

Nunca perdades as vosas cores!!!

Icía Power
_____________________________________________________

05. LINDAS AMIZADES CANINAS E SANADORAS!!!
07-10-2020

Son Icía e na tómbola da vida tocoume ser unha meniña cunha peculiar alteración xenética. Esta alteración decidiu chegar e quedarse para complicalo todo dun xeito inimaxinable e facer que ata os máis mínimos detalles sexan ben difíciles para min. 

Son Icía e na tómbola da vida tocoume ser unha meniña cunha linda familia loitadora que sempre está a buscar e rebuscar o xeito de axudarme a avanzar pasiño a pasiño para que teña unha mellor calidade de vida e sexa unha cativa moi feliz.

Son Icía e na tómbola da vida tocoume ser unha meniña cun gran afán de superación. Por esa fermosa capacidade que teño de non renderme nunca, nunca e nunca, a tómbola da vida decidiu facerme un fermoso presente.

Son Icía e o meu fermoso presente foi unha linda amizade canina e sanadora que coa súa tranquilidade, paciencia e agarimo axudounos a saír por breves intres do noso difícil ritmo disciplinario do método Doman e ser capaces de desfrutar das marabillas do mundo exterior que case sen darnos conta nos estabamos a perder.

Son Icía e na tómbola da vida tocoume ser unha meniña afortunada porque a miña amizade canina e sanadora, a nosa cadeliña "Solfa" tivo unha fermosa filla, a nosa cadeliña "Fusa" que está cheíña dunha grandísima vitalidade e dunha xigantesca dose de mimos para min e para toda a miña loitadora familia.

Amizades caninas sanadoras!!!

Icía Power
_____________________________________________________

06. DIVERcapacidade!!!
03-12-2020

Son Icía e o fermoso son da miña música acompasado coa agarimosa brisa do sur e coa vitalidade do vento do norte me agasallaron cunha espectacular viaxe ao mundo sideral que me permitiu descubrir a gran maxia que pode nacer ao unir a potente enerxía solar que aporta o meu amigo Ruí, a marabillosa enerxía lunar que vive na miña amiga Lúa e a miña rebuldeira enerxía estelar que me move e me remove sen parar.

Son Icía e moita xente soamente é capaz de mirarnos aos tres amig@s fixándose nas nosas "DIScapacidades". Estas miradas fan que nos metan aos tres no mesmo saco da "Igualdade Desigual" que está cheíño de limitacións, dificultades, medos, penas... 

Son Icía e algunha xente é capaz de mirarnos aos tres amig@s fixándose nas nosas  "DIVERcapacidades". Estas miradas fan que nos metan aos tres no saco da "Desigualdade Igual" que está cheíño de posibilidades, facilidades, valores, alegrías...

Estas lindas e agarimosas miradas son as realMENTE enriquecedoras para nós e as nosas enerxéticas familias porque comprenden que @s tres amig@s somos diferentes nas nosas limitacións que intentamos que sexan cada vez máis pequeniñas e somos diferentes nas nosas capacidades que intentamos que sexan cada vez máis grandes para deste marabilloso xeito "DesigualMENTE igual" cubrir coa nosa enerxía solar, lunar e estelar todo o mundo sideral.

En realidade tod@s temos "DIVERcapacidades" porque tod@s somos DIFERENTES no xeito de ser, sentir, ver e vivir e tod@s somos IGUAIS xa que buscamos de mil maneiras diferentes a tan preciada felicidade. Oxalá algún día a nosa enerxía solar, lunar e estelar chegue a todas as miradas para que tod@s podamos desfrutar da marabillosa DIVERSIDADE do noso universo sideral.

DiverCapacidade!!!

Icía Power
_____________________________________________________

07. Vendedores do Fume da Esperanza!!!
10-01-2021

Son Icía e como xa sabedes unha alteración xenética provocou que o meu desenvolvemento psicomotor sexa un pouquiño diferente ao voso querid@s aventureir@s.

Son Icía e no inicio da busca por atopar a mellor axuda para superar a miña lentitude de desenvolvemento atopámonos cun marabilloso e fantástico Vendedor do Fume da Esperanza, o Método Doman.

Son Icía e a miña nai agarrouse a este método para axudarme a superar as miñas limitacións e para axudarse a si mesma porque ela tiña unha inmensa necesidade de aferrarse ao seu soño de acadar a cima da miña inmensa montaña para poder desfrutar en familia das fermosas vistas dun futuro mellor para min.

Son Icía e o meu pai sabía que este método non podía ser tan marabillosamente marabilloso como o mostraban os Vendedores do Fume da Esperanza pero el igualmente acompañounos nesta necesidade vital de mamá porque é o noso mellor compañeiro de aventuras e desventuras.

Son Icía e a miña nai tamén sabía que este método non era tan fantasticamente fantástico como o mostraban os Vendedores do Fume da Esperanza pero ela necesitou percibir o murmurio tranquilo da brisa do sur, a voz potente do vento do mar e a liberadora auga da chuvia do norte para espertar do seu letargo, para poder visualizar outros xeitiños de axudarme a avanzar no meu camiño vital e para aprender a desfrutar xuntiñ@s de cada mínimo e fugaz detalle vital na nosa aventura familiar e sideral.

Todo chega!!!

Icía Power
_____________________________________________________

08. O ÚLTIMO PUNTO!!!
10-02-2021

Son Icía e dende que a miña nai recibiu a nova da miña alteración xenética e o que iso ía supoñer na miña calidade de vida, ela sentiu a inmensa necesidade de calcetar milleiros de puntos sen parar para axudarme a avanzar e mellorar a miña aventura vital.

Son Icía e o punto de calceta Doman que descubriu a miña nai era dunha exixencia esgotadora para a nosa pequena familia. Pero día a día, mes a mes e ano a ano fomos creando unha longuísima bufanda que nos impedía ver que outro mundo terapéutico era posible e sobre todo que outro ritmo vital era fundamental para nós @s tres e que tamén era necesario para todo o noso entorno familiar e amistoso.

Son Icía e aínda que @s tres sabiamos que estabamos no límite do abismo vital e que tiñamos que cortar o fío da absorbente calceta da nosa bufanda ningún eramos capaces de atopar a nosa tesoira salvadora.

Son Icía e grazas a nosa querida música fomos capaces de escoitar á fortaleza do vento do norte que nos animou a iniciar unha nova aventura terapéutica, en terras un tanto lonxanas, coa nosa maga bailarina IrMarGo que dun xeito totalmente natural ofreceunos unhas tesoiras máxicas que nos animaron a cortar o último punto Doman da nosa gran bufanda e engancharnos con ilusión a un novo mundo de posibilidades terapéuticas e vivenciais ricas, ricas e con fundamento.

Cortamos o fío do abismo!!!

Icía Power
_____________________________________________________

09. LINDÍSIMA PRIMAVERA!!!
20-03-2021

Son Icía e o noso pasado Doman aínda que nos permitía desfrutar de minúsculos momentos de ledicia vital e nos aportaba pequeniños avances evolutivos, en realidade, pasiño a pasiño, nos estaba conxelando o noso ritmo terapéutico, familiar e vital.

Son Icía e por sorte a miña nai foi capaz de parar un intre a intensidade do noso esforzo terapéutico e armarse do seu profundo valor para ser capaz de golpear os seus medos e mirar no seu forte interior para poder escoitar con atención o agarimoso son da brisa do sur e o forte son do vento do norte que nos permitiron cargarnos vitalmente coa potente enerxía solar sureña e a luminosa enerxía lunar norteña para ser capaces de movernos a pesar de todas as nosas dificultades loxísticas ao novo destino Feldenkrais.

Son Icía e o novo camiño por andar nos permitiu coñecer a nosa linda maga bailarina IrMarGo coa que danzamos ao compás do vento do norte, encontrar no mar do sur a AiMarO que co seu movemento natural invitounos a descubrir a nosa guía de alta montaña UliMatz. A máxica combinación de ámbalas tres terapeutas crearon ao noso arredor unha fermosa, sonora, enerxética e terapéutica primavera.

Son Icía e sempre que o correr do tempo e os avatares da vida me permiten respirar volvo a buscar a miña lindísima primavera.

Respirar!!!

Icía Power
_____________________________________________________

10. A MIÑA VIDA É UN GRAN CONTO!!!
23-04-2021

Son Icía e coa nova do meu futuro nacemento iniciouse a escrita imaxinaria do meu gran conto vital pero o día sinalado para a miña entrada en escena o ceo estaba tinguido dun intenso gris e o vento toleirón fixo acto de presencia para poñer o noso pequeno mundo familiar do revés.

Son Icía e tras un primeiro momento de desánimo, desconcerto, desacougo e un longo etcétera por parte de papá e mamá, chegou ese intre no que descubriron que o meu gran conto vital necesitaba moitísimos coidados agarimosos pero sobre todo necesitaba que aprenderamos a desfrutar con entusiasmo de cada letra, cada palabra, cada frase, cada oración, cada parágrafo e cada capítulo do mesmo para poder conseguir voar en familia ao infinito e máis alá. 

Son Icía e oxalá que nalgún lugar recóndito, deste complicado e o mesmo tempo fermoso planeta, unha familia cun cativ@ con "Divercapacidade" sexa capaz de vivir con ilusión, con ánimo e con forza o seu gran conto vital porque aínda que ese conto vai ter vivencias ben complexas tamén estará cheíño de capítulos con lindísimas cores.

Feliz Día do Libro a Tutti!!!

Icía Power
_____________________________________________________

11. SOÑANDO UN IMPOSIBLE!!!
01-07-2021

Son Icía e ás pouquiñas horas de coñecer este mundo algo se complicou e tiven que pasar unha interminable quincena nunha illante incubadora sen poder sentir o agarimoso contacto da miña  linda xentiña e sen poder comer nada enriquecedor pola miña boquiña para ter a enerxía necesaria que me axudara a descubrir e potenciar as miñas limitadas capacidades debido a miña diversidade funcional.

Son Icía e ás pouquiñas veces que lles permitían a papá e a mamá estar en contacto intenso comigo, eu sentía o seu grandísimo calor afectuoso para fortalecer o meu ser e percibía o seu esforzo incansable de axuda na alimentación pola miña boquiña para enriquecer o meu corpiño.

Son Icía e quizais todo estaba predestinado a complicarse de tal xeito que o proceso natural de alimentación na grandísima maioría dos seres vivos non estivo ao meu alcance como era de esperar.

Son Icía e por sorte teño unha mamá e un papá cunha xigantesca enerxía buscadora de posibilidades para intentar lograr acadar os nosos soños imposibles. E buscando, buscando e rebuscando, as estrelas todas iluminaron o noso camiño para coñecer a nosa querida doutora Clavera que coa súa inmensa sabedoría conseguiu crear unha apócema máxica para iniciar este tan prezado soño de alimentarme pola boquiña e os astros todos decidiron aliñarse para coñecer a nosa linda maga VanEsBlan que nos axudou co seu eterno sorriso a despegar e voar camiño ao noso soño que quizais nunca se faga realidade pola súa gran dificultade ou quizais non sexa tan imposible porque querer é poder.

Soñando unha posibilidade!!!

Icía Power
_____________________________________________________

12. MOVOmento!!!
31-08-2021

Son Icía e por este intre da miña aventura vital tiña un crebacabezas terapéutico ben bonitiño que me estaba axudando a conseguir pequenos grandes logros no meu desenvolvemento psicomotor e que me estaban permitindo desfrutar dunha gran felicidade descubridora das miñas posibilidades vitais.

Son Icía e a miña nai estaba tan entusiasmada con todo o que estabamos a vivir tanto a nivel vital como a nivel terapéutico que non percibiu que estabamos a punto de perder unha das pezas máis importantes e fermosas de tan fascinante crebacabezas.

Son Icía e a perda desa fundamental peza terapéutica trouxo unha terrible consecuencia, a caída do avión que me estaba permitindo viaxar cara a infinidade do ceo para poder facer brillar o soño de papá e mamá que sempre será intentar acadar unha mellor calidade de vida para min. 

Son Icía e as deusas todas que sempre están alerta para axudarnos na miña aventura vital nos agasallaron cunha marabillosa reconstrutora de avións chamada PaKaiLo. Ela e o seu extraordinario equipo no seu máxico centro de operacións MOVO conseguiron reparar o meu avión para que eu puidera reiniciar o meu soño de voar ata o infinito e máis alá e para que papá e mamá volverán a iluminar o noso camiño vital coa estrela da esperanza, da forza e da ilusión.

Son Icía e oxalá os nosos soños de felicidade poidan seguir en MOVOmento durante toda a miña eternidade terapéutica e vital.

"Andamos sen buscarnos pero sabendo que andabamos para atoparnos" - Julio Cortázar

Soñando unha realidade!!!

Icía Power
_____________________________________________________

13. TRES LINDOS RATIÑOS DOCENTES!!!
30-10-2021

Son Icía e a consecuencia da miña inmensa diversidade funcional non é nada doado para min seguir o compás vital marcado polo ritmo escolar.

Son Icía e como sempre a miña mamá acompasada con meu papá atoparon a maneira de que puidera seguir o ritmo escolar ao meu xeitiño na nosa casiña.

Son Icía e nesta miña nova aventura escolar a maxia me agasallou con tres inmensos ratiños educativos. Con cada un dos meus lindos ratiños educativos e con cada un dos seus marabillosos e diversos poderes máxicos, pasiño a pasiño, iniciei o marabilloso camiño da "DiverCapacidade" que na súa senda sempre me sorprende con aventuras enriquecedoras mil por mil para axudarme a crecer e a avanzar.

Son Icía e o meu primeiro ratiño foi o meu querido profe Bruno. Co profe Bruno vivín a miña primeira viaxe educativa aderezada con aventuras inmensamente ilusionantes, tremendamente divertidas e docemente enriquecedoras porque grazas a súa paciencia, agarimo e tenacidade descubrimos agochados entre todos os meus límites o meu grandísimo potencial de aprendizaxes escolares e vitais.

Son Icía e o meu segundo ratiño foi a miña querida profe Marta. A profe Marta foi a nosa linda creadora porque grazas a súa gran calma, dedicación e tenrura foi quen de construír paseniño a paseniño unha fermosa escola domiciliaria para ben xuntiñas vivir enriquecedoras aventuras escolares e vitais.

Son Icía e o meu terceiro ratiño foi a miña querida profe Manu. A profe Manu tiña unha fermosa caixiña máxica das ideas que pouquiño a pouquiño grazas a súa capacidade de observación, empatía e creación fixeron posible na súa linda compañía unha grandísima explosión nos meus traballados avances escolares e vitais.

Son Icía e agradecida sempre estarei a maxia do destino por ser tan bondadosa comigo porque grazas aos meus tres queridísimos ratiños foi posible facer realidade o meu soño de vivir xunto ao meu grupiño de compis de referencia miles de marabillosas e magníficas aventuras escolares e vitais. 

A maxia existe!!!

Icía Power
_____________________________________________________

14. TOD@S VIVIMOS EN LA MISMA ROCA!!!
03-12-2021

Son Icía e a miña alteración xenética fixo que a tómbola da vida me colocara na roca equivocada. Na miña roca equivocada, todo acontece dun xeito ben complicado e diferente ao que a miña familia e eu percibimos na roca que está situada moi pretiño de min pero tamén a unha tristemente afastada distancia.

Son Icía e a miña alteración xenética fixo que a tómbola da vida me agasallara con tres superdores. Na miña roca equivocada, o meu superpoder de amor incondicional, de non renderme nunca e de intentar ser feliz viñeron acompasados cunhas magníficas xoaniñas familiares, amigas, terapéuticas e docentes que pouquiño a pouquiño conseguiron ir cargando a miña alterada batería para ir facendo posible o camiño de achegamento a vosa roca que comezaba a estar moitísimo máis preto da miña e a unha mínima afastada distancia.

Son Icía e a miña alteración xenética fixo que a tómbola da vida por arte de birlibirloque provocara unha máxica combinación sideral. Na miña roca equivocada, a máxica combinación  sideral animou a miña nai a iniciar comigo unha nova aventura escolar e vital. Na nosa intrépida viaxe contamos coa fabulosa compañía da nosa xoaniña MaGonRi para lograr así chegar a vosa roca, querid@s aventureir@s, e descubrir que a tristemente afastada distancia, en realidade, era unha barreira imaxinaria porque tod@s vivimos na mesma roca, na diversa roca da "DiverCapacidade".

Na mesma roca!!!

Querid@s aventureir@s, espérovos na seguinte década aventureira da miña trepidante aventura vital!!!
Icía Power
_____________________________________________________
2009-2019