martes, 7 de abril de 2020

MÚSICA

UNHA VIDA MUSICAL!!!

Quizais ao nacer xa traia incorporado de serie a miña paixón pola Música pero despois a vida foi agasallándome con lindas persoas que me animaron a seguir o camiño musical que tantas alegrías me leva aportado.

A pesar de ser eu ben pequeniña, lembro moi ben cando eran as festas do setembro e ía co meu avó Chelo a escoitar os concertos das bandas que tanto lle gustaban. Por aqueles tempos el xa non podía tocar nas bandas pero si desfrutaba con gran entusiasmo da súa escoita. Eu sentaba o seu lado moi quietiña e cos oídos e os ollos ben abertos para non perder detalle. Xuntos viviamos un deses momentos máxicos que quedan gravados para sempre na memoria e no corazón.

Cando comecei o cole, con cinco aniños, tiven a sorte de ter a mellor mestra de Música do mundo mundial, a madre Josefa. Ela escoitou a miña voz e nun breve instante decidiu poñer toda a súa paixón educativa e musical para conseguir ensinarme o máximo posible dunha linguaxe musical que sempre me pareceu moi complexa pero ao mesmo tempo moi intuitiva, todo grazas a ela.

Unha vez que xa coñecía un pouquiño a linguaxe musical, decidín que quería aprender a tocar o piano como a madre Josefa. O destino puxo no meu camiño a profe Rosa coa que tiven un "feeling" especial que me levou a tocar incansablemente para conseguir tocar tan precioso instrumento.

As vivencias e aprendizaxes musicais con eles tres fixeron que no momento de decidir o meu futuro profesional non tivera a menor dúbida de que quería ser mestra de Música para intentar con todas as miñas forzas que máis cativ@s tiveran a posibilidade de aprender,  desfrutar e enriquecerse coa Música.

Polo demais, a miña vida está rodeada de lindísimas amizades que naceron dun xeito natural grazas a compartir esta paixón por un arte tan espectacular como é a Música e que chega tan directamente o mundo interior dos nosos sentimentos máis profundos.

Así que imos a escoitar atentamente un dos meus compositores preferidos e a visualizar como se move a liña melódica e a harmonía dunha das súas impresionantes creacións.


Agardámosvos no próximo tesouro musical!!!
Ceci Music & Icía Power