xoves, 9 de xullo de 2020

BOOM

EXPLOSIÓN DE RISAS E AVANCES SEN IGUAL!!!

O método Doman foi a táboa de salvación que apareceu ante nós e a que nos aferramos dende os primeiros meses de vida de Icía ata os seus seis aniños para intentar non afundirnos no gran océano de medos e dúbidas que nos ocasionaba a grandísima complexidade da súa alteración xenética e a vida nosa que se estaba formando entorno a ela.

O método é dunha dureza incalculable pola cantidade de tempo e de esforzo físico e psíquico a empregar para acadar uns resultados mínimos de avance porque todas as áreas do sistema psicomotor da pequechiña estaban gravemente afectadas pero non tiñamos escapatoria e foi atrapándonos como unha xigantesca tea de araña.




E chegou ese momento no que xa non tiñamos máis enerxía vital para seguir atrapadas na tea de araña. Menos mal que unha minúscula carga enerxética permitiu que escoitaramos unha voz do norte que resoaba na nosa escuridade e que nos invitou a correr entre as árbores para ser capaces de escapar da nosa terrible araña e poder ver a nosa gran maga bailarina que nos estaba agardando para levarnos á luz.




Cada baile coa nosa linda maga bailarina IrMarGo foi provocando diferentes explosións de desenvolvemento na pequerrechiña pero a máis sorprendente explosión foi a primeira porque veu cargadiña de brillo de sons, luces de risas e cores de avances que nos fixeron soñar que o novo camiño tomado nos levaría a vivir grandes aventuras xirando na nosa vertixinosa vida.




E a nosa vida comezou a non ser unha disciplina férrea para chegar a ambigua meta da mal chamada normalidade que tanto nos estaba esgotando para converterse nun enriquecedor xogo cambiante que nos permitía desfrutar das cousiñas minúsculas da vida como a música que coa súa maxia formou un marabilloso vínculo entre nai-filla e filla-nai porque con cada son escoitado, tocado e vivido intensamente creamos o noso soño de amor e felicidade infinito.




... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!


Ceci Music & Icía Power