mércores, 15 de xullo de 2020

BruLoFer

INICIO DE MOITOS ENCONTROS!!!

A escolarización de Icía sempre foi un tema moi delicado para nós e de moitas voltas e reviravoltas reflexivas na miña cabeciña porque o seu ritmo vital sempre vai moito máis paseniño que a velocidade vital á que circula o mundo infantil.

O tren da "Educación Infantil" foi imposible de alcanzar para Icía porque ela estaba moi atascada no seu desenvolvemento psicomotor ou quizais nós mesmos non a quixemos someter a un esforzo de tan inmensa magnitude porque a viaxe estaría cheíña de incesantes troupeleos, enormes fochas e dunha agotadora zarangallada de ruídos que lle impedirían desfrutar da asombrosa paisaxe da aprendizaxe.

O tren da "Educación Primaria" estaba agardando por nós e tivemos que estudiar e planificar detalladamente como subir a Icía a este tren de obrigada viaxe neste intre da súa aventura vital.

O tren da "Escolarización Domiciliaria" foi o billete que atopamos gardadiño nun caixón da estación. Este inesperado billete daba resposta aos consellos médicos e ademais resolvía todas as nosas dúbidas e todos os nosos medos.

Estabamos ilusionadas porque nos agardaba unha viaxe de longo percorrido educativo e estabamos seguras de que viviriamos grandes aventuras. Como en calquera inicio tiñamos medo ao descoñecido ata o preciso intre no que nese tren tivemos a grandísima sorte de atoparnos co noso supermegaprofe BruLoFer co que vivimos unha fermosa viaxe inmensamente ilusionante, tremendamente divertida e docemente enriquecedora.

Sempre agradecidas porque todo o que vivimos, rimos e aprendemos neste primeiro encontro educativo fíxonos dar grandísimos chimpos de alegría que se repiten dun xeito máxico e sorprendentemente natural en cada novo encontro que a nosa aventura vital nos permite vivir co noso supermegaprofe BruLoFer.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!


Ceci Music & Icía Power