domingo, 15 de agosto de 2021

INSPIRACIÓN

     INTERMITENTE  APARICIÓN!!!


Penso eu que a inspiración para vivir é de intermitente aparición pero cando a pequerrechiña Icía comezou a formar parte da miña partitura vital rapidamente percibín que sempre me tocaría vivir na corda frouxa e que os meus sentidos todos debían espertar ao máximo e máis alá para sobrevivir porque na autopista da vida se te pasas a saída sempre toca esperar.

Na primeira visita da profe de Icía do ano académico que ocupa este escrito, xa me decatei dun terrible detalle expresado nas súas duras e impulsivas verbas. Naquel preciso intre non lle quixen dar unha excesiva importancia ao significado profundo que agochaban pero ao longo de cada un dos días de escolarización domiciliaria da pequechiña foise facendo cada vez máis latente e mostrouse abertamente en cada unha das súas bruscas palabras e inadecuadas accións con Icía. 

Con cada unha das súas terribles palabras e desastrosas accións educativas, tanto Icía como eu mesma comezamos a mostrar, na nosa corda frouxa, signos dunha estrepitosa e ruidosa caída e antes de tan  espantoso suceso tiven que buscar, coa axuda da miña intermitente inspiración, as palabras xustas para poder reverter o acaecer dunha partitura educativa totalmente disonante.

Graciñas mil a miña intermitente inspiración, aos meus intuitivos sentidos e ao meu almacén das palabras por intentar axudarme a non pasarme de saída na autopista da vida compartida con Icía.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power