mércores, 25 de agosto de 2021

MOVO+MOVE

  O MOVEMENTO  SEMPRE NOS SALVARÁ!!!


A pandemia mundial que estamos a vivir nos levou a ter que estar na casiña sen saír ao mundo exterior durante un breve pero inmenso espazo de tempo que decidimos aproveitar para acompasarnos ao ritmo vital de Icía e da vida natural sen xigantescos sobresaltos e sen velocidades ultrasónicas. 

Pero durante ese tempiño vímonos obrigado@s a ter que paralizar o ritmo terapéutico de Icía tanto en MOVO coas súas magníficas terapeutas que nos agasallan pasiño a pasiño con grandes avances no desenvolvemento psicomotor da pequechiña como en MOVE co seu gran osteópata que coas súas máxicas mans está a conseguir que o corpiño de Icía non sufra a negativa evolución que parece ter predestinada pola súa alteración xenética de base. 

Cando a vida volveu intentar seguir o seu compás na nova normalidade marcada polas circunstancias da Covid, eu sentín un pouco de vertixe ante a simple pero complexa idea de volver a poñerme en "Movemento Terapéutico" porque o medo era moito ante a posibilidade dun posible contaxio que puxera en perigo a nosa pequecha ou a nós mesm@s xa que nos dificultaría infinito poder axudala a avanzar no seu camiño vital.

Pero eu sei o que estou perseguindo dende que Icía forma parte da nosa vida, que é nada máis e nada menos que a súa mellor calidade de vida. Tamén sei que para acadar este ben para a nosa gran aventureira tiven que poñerme sempre en  "Movemento Familiar" e cambiar o chip do medo polo da valentía porque o movemento sempre nos salvará a esta familia tan singular e tan particular seguindo a luz das nosas estrelas terapéuticas que nos iluminan en MOVOmento de rotación e en MOVEmento de traslación.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power