luns, 30 de agosto de 2021

LUZ

  BRILLANTE ESTRELA NO CORAZÓN!!!


Nesta loucura de mundo no que vivimos e que xira con excesiva rapidez e abundante frialdade, a pandemia mundial parecía que a nivel global nos estaba encamiñando a un illamento social dificilmente soportable para a saúde física e mental de toda a humanidade e a nivel particular para a nosa familia era un durísimo golpe de ritmo vital e terapéutico para a nosa intrépida aventureira Icía. 

Neses intres de desacougo familiar, polo medo a que esta parada de ritmo vital e  terapéutico de Icía tivera consecuencias negativas a longo prazo para a súa calidade de vida, comezou a brillar unha luminosa estrela no firmamento e aínda que a distancia real entre ela e nós era enorme creamos unha estable ponte con follas de diferentes cores cargadas de ilusión, forza e esperanza para ser capaces de cruzar o río das múltiples dificultades da vida e camiñar pola nosa senda da amizade que nos permitiu debuxar o soño dun universo no que a luz da nosa fermosa estrela nos abrazará sempre para sentir o seu calor vital.

Graciñas mil as deusas todas porque nos agasallaron coa amizade dunha das persoas máis lindas deste toliño mundo, UliMatz, que no seu sorrinte corazón alberga unha brillante estrela que coa súa luminosa luz combinada a perfección coa radiante luz do seu compañeiro, NikSchnei, permitiunos a Icía e a min, no tempo de illamento pandémico, estar rodeadas dun xeito virtual de valentes meniñ@s e poder tod@s xuntiñ@s adestrar capoeira co seu sanador ritmo deportivo e musical. 



... agardámosvos no seguinte tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power


mércores, 25 de agosto de 2021

MOVO+MOVE

  O MOVEMENTO  SEMPRE NOS SALVARÁ!!!


A pandemia mundial que estamos a vivir nos levou a ter que estar na casiña sen saír ao mundo exterior durante un breve pero inmenso espazo de tempo que decidimos aproveitar para acompasarnos ao ritmo vital de Icía e da vida natural sen xigantescos sobresaltos e sen velocidades ultrasónicas. 

Pero durante ese tempiño vímonos obrigado@s a ter que paralizar o ritmo terapéutico de Icía tanto en MOVO coas súas magníficas terapeutas que nos agasallan pasiño a pasiño con grandes avances no desenvolvemento psicomotor da pequechiña como en MOVE co seu gran osteópata que coas súas máxicas mans está a conseguir que o corpiño de Icía non sufra a negativa evolución que parece ter predestinada pola súa alteración xenética de base. 

Cando a vida volveu intentar seguir o seu compás na nova normalidade marcada polas circunstancias da Covid, eu sentín un pouco de vertixe ante a simple pero complexa idea de volver a poñerme en "Movemento Terapéutico" porque o medo era moito ante a posibilidade dun posible contaxio que puxera en perigo a nosa pequecha ou a nós mesm@s xa que nos dificultaría infinito poder axudala a avanzar no seu camiño vital.

Pero eu sei o que estou perseguindo dende que Icía forma parte da nosa vida, que é nada máis e nada menos que a súa mellor calidade de vida. Tamén sei que para acadar este ben para a nosa gran aventureira tiven que poñerme sempre en  "Movemento Familiar" e cambiar o chip do medo polo da valentía porque o movemento sempre nos salvará a esta familia tan singular e tan particular seguindo a luz das nosas estrelas terapéuticas que nos iluminan en MOVOmento de rotación e en MOVEmento de traslación.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power




luns, 23 de agosto de 2021

SÍNDROME

 DA CABANA PROTECTORA!!!


A parada do noso ritmo vital debido a situación insólita que nos tocou vivir debido o bichiño chamado Coronavirus trouxo implícita a necesidade de protexernos na nosa casiña e na nosa aldea para sentir que estabamos a salvo da pésima realidade que recibiamos por mil vías de información catastrofistas sobre a Covid.

Durante este tempo de quietude de vida na casiña puidemos desfrutar da necesaria tranquilidade que nos permitiu vivir a ese ritmo familiar lento que precisa Icía e dun marabilloso silencio soamente musicalizado polo canto dos paxaros e polo movemento da natureza cobrando unha asombrosa fortaleza vital e natural.

Unha verdade verdadeira da vida é que nada perdura eternamente así que chegou o esperanzador momento de poder saír con todas as precaucións posibles ao mundo exterior. Como era de esperar, xa que me coñezo dende fai algúns aniños, comezou a crecer no meu interior o síndrome da cabana protectora porque na nosa casiña e na nosa aldea estabamos a salvo do mundo exterior que parecía albergar demasiados perigos para Icía, para min e para o noso compañeiro de alegrías e fatigas.

Difícil para min foi dar ese primeiro paso con Icía ao mundo exterior porque xa nada era como antes pero tocaba superar os medos e adaptarse a unha nova normalidade para que a pequerrechiña puidera volver a vivir xunto aos seus terapeutas a posibilidade de novos avances vitais e mellorar paseniño a paseniño a súa calidade de vida.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power


luns, 16 de agosto de 2021

CORONAVIRUS

     UNHA PORTA PECHADA!!!


O ano académico de Icía complicado de máis pola escaseza de profesionalidade idónea e pola carencia de personalidade adecuada da súa nova mestra para o bo acaecer da aprendizaxe educativa da pequechiña tivo un final precipitado de máis pola situación insólita que estabamos predestinados a vivir no mundo mundial debido a un mal bichiño chamado Coronavirus.

A vida mundial paralizouse a un nivel terriblemente inimaxinable nas nosas distraídas mentes e as portas das nosas casas pecháronse para intentar evitar o fin de millóns de persoas nun planeta esgotado polo noso mal uso e polo noso gran abuso.

A nosa familia tal acontecemento de parada de ritmo vital non nos pillou sen experiencia algunha. Pero esta vez, a sensación de desacougo foi máis profundamente difícil para nós porque era a segunda vez que nos acontecía nun breve espazo de tempo vital.

O noso primeiro contacto cunha experiencia desta índole aconteceu ao nacer Icía que debido as complicacións que viñan incorporadas na súa alteración xenética paralizou a nosa composición musical durante un breve pero inmenso período de tempo no que eu me mantiven en ese raro limbo da ambigüidade sen saber moi ben cal debía ser o camiño a seguir para acadar a mellor calidade de vida da nosa pequena aventureira. 

A nosa segunda experiencia de parada foi debido a aparición da Covid no noso planeta que produciu un novo desequilibrio no noso ritmo  vital. Pero como esta parada tamén afectaba a nosa linda xentiña, eu sentín o impulso de estar aí para arroupalas xa que coñecía moi profundamente a sensación de vertixe que produce que se peche a porta da túa aventura vital sen previo aviso.

Penso que toda situación vivida ten unha aprendizaxe incorporada que desta vez ben pode ser a seguinte: "Unha vella porta pechada indica que debemos buscar unha nova porta aberta"


... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power


domingo, 15 de agosto de 2021

INSPIRACIÓN

     INTERMITENTE  APARICIÓN!!!


Penso eu que a inspiración para vivir é de intermitente aparición pero cando a pequerrechiña Icía comezou a formar parte da miña partitura vital rapidamente percibín que sempre me tocaría vivir na corda frouxa e que os meus sentidos todos debían espertar ao máximo e máis alá para sobrevivir porque na autopista da vida se te pasas a saída sempre toca esperar.

Na primeira visita da profe de Icía do ano académico que ocupa este escrito, xa me decatei dun terrible detalle expresado nas súas duras e impulsivas verbas. Naquel preciso intre non lle quixen dar unha excesiva importancia ao significado profundo que agochaban pero ao longo de cada un dos días de escolarización domiciliaria da pequechiña foise facendo cada vez máis latente e mostrouse abertamente en cada unha das súas bruscas palabras e inadecuadas accións con Icía. 

Con cada unha das súas terribles palabras e desastrosas accións educativas, tanto Icía como eu mesma comezamos a mostrar, na nosa corda frouxa, signos dunha estrepitosa e ruidosa caída e antes de tan  espantoso suceso tiven que buscar, coa axuda da miña intermitente inspiración, as palabras xustas para poder reverter o acaecer dunha partitura educativa totalmente disonante.

Graciñas mil a miña intermitente inspiración, aos meus intuitivos sentidos e ao meu almacén das palabras por intentar axudarme a non pasarme de saída na autopista da vida compartida con Icía.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power






martes, 10 de agosto de 2021

DESASTRE

     TODO VAI BEN ATA QUE COMEZA A IR MAL!!!


Icía viviu un ciclo educativo de tres aniños académicos cun vigoroso sol de aprendizaxe a favor pola gran labor docente e pola enorme calidade persoal dun marabilloso trío de profes; BruLoFer, MarOuPra e MaGonRi; que permanecerán no noso feliz pensamento e noso agarimoso corazón por sempre xamais porque xunt@s creamos nota a nota unha fermosa composición educativa e persoal cargadiña de enerxía solar...


Todo parecía indicar que o novo ano académico ía ser unha sosegada paisaxe natural na que teriamos a sorte de poder ir desfrutando paseniño a paseniño de cada nota musical tocada por unha profesional coa especialidade necesaria para o bo devir da composición educativo da pequechiña...


Pero demasiado pronto Icía percibiu que non sempre detrás dos títulos académicos se atopa unha gran profesional docente. Ben é certo que Icía non se comunica con palabras pero deixounos constancia de mil xeitos diferentes que a nova profe non era unha persoa con capacidade de escoita, de observación, de empatía e un longo etcétera porque ela debuxara unha conxeladora liña recta de aprendizaxe para Icía que en modo algún parecía poder torcerse aínda que Icía e eu mostrabamos a nosa caída en mil pedaciños no frío máis baleiro...



...agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power

domingo, 8 de agosto de 2021

AserPerEn

    MOVE O AR DE ALTA MONTAÑA!!!


Quizais un dos grandes segredo da vida sexa ser capaz de percibir as máis minúsculas e imperceptibles sinais que as deusas todas nos envían para que sigamos o noso percorrido vital.

Dende que Icía e eu compartimos a nosa aventura vital sempre ando o noso camiño cos meus seis sentidos en máxima atención para percatarme de cada unha das sinais que pasan rozando a nosa existencia vital.

Nunca deixará de sorprenderme como cada sinal que nos invita a dar un intrépido pasiño  aventureiro parece estar interconectada coa seguinte sinal que nos guiará na nosa senda de busca dunha mellor calidade de vida para Icía.

Nesta ocasión a interconexión de sinais guioume ao descubrimento de AserPerEn, un magnífico chaman de alta montaña que coa súa sabedoría ancestral movida polas súas tranquilas mans permitiume volver a descansAR, afloxAR, necesitAR, confiAR, ensinAR, desconectAR, deixAR, relaxAR, saltAR, descargAR, actuAR, brincAR, espertAR, pasAR, xogAR, soñAR, cantAR, desexAR, camiñAR, bailAR, saltAR, viaxAR, visitAR, investigAR... En definitiva, aprendín de novo a respirAR.

Este novo pasiño dado para respirAR e acadAR o máximo potencial na miña sanación corporal e mental levoume a aventurarme a dAR o seguinte pasiño para que Icía puidera mellorAR a súa calidade de vida guiada pola interconexión de sinais de alta montaña da man da sabiduría do noso afable chamán AserPerEn.

Graciñas mil o noso querido chamán AserPerEn que MOVE con gran sabedoría o AR da nosa alta montaña para mellorAR a nosa calidade de vida!!!


... agardámosvos no noso próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power