domingo, 4 de xullo de 2021

MaGonRi

 A CAIXIÑA MÁXICA DAS IDEAS!!!


Icía sempre ten presentes as súas inmensas limitacións de aprendizaxe pero estas son contrarrestadas porque tamén sempre ten un grandísimo potencial de superación. Así que Icía pasiño a pasiño e o seu xeitiño vai facendo o seu camiño para poder acadar as súas pequenas grandes metas vitais.

Neste intre da trepidante aventura vital e escolar de Icía apareceu por arte de birlibirloque a súa superequetemegaprofe MaGonRi que tiña grandísimos e fabulosos tesouros agochados na súa fermosa caixiña máxica das ideas. 

Os tesouros que agochaba a nosa lindísima profe MaGonRi na súa fantástica caixiña foron saíndo maxicamente dela, pouquiño a pouquiño, e non pararon de sorprendernos ao longo de toda a  aventura escolar e vital vivida a tres bandas porque a súa fortuna educativa e persoal era incalculable: sabedoría, observación, proxecto, investigación, empatía, creación e agarimo. 

Destes fabulosos tesouros da nosa querida profe MaGonRi brotaron as marabillosas e magníficas ideas que lograron que Icía avanzara, no complicado camiño de ascenso a súa gran montaña da aprendizaxe, na mellor das compañías. Esta enriquecedora compañía logrou que eu mesma me animara a superar un tremendo obstáculo mental que nos permitiu descubrir un próspero camiño a andar c@s compis de Icía e c@s profes que se animaron, se animan e oxalá se animarán a vivir connosco as nosas aventuras inclusivamente escolares de convivencia con Icía.

Sempre agradecidas coa maxia dos astros que nos quixeron agasallar coa mellor das compañías inimaxinables para aprender, vivir e soñar nun mundo mellor por sempre xamais.



... agardámosvos no próximo tesouro musical!!!

Ceci Music & Icía Power